Archivo de la etiqueta: Convenio

Análise do convenio colectivo

Como sabedes, é esencial que vós, como futuras traballadoras, sexades quen de coñecer os vosos dereitos e obrigas, así como o marco no que se recollen as vosas condicións laborais. Por iso, para a realización desta actividade deberedes analizar o convenio colectivo do voso sector (convenio colectivo estatal para perruquerías, institutos de beleza e ximnasios) en grupos de tres persoas. A cada grupo se lle asignará un número, de xeito que teredes que contestar á pregunta que leve o mesmo número que o voso grupo.

Unha vez respondades ás cuestións de forma fundamentada, teredes que ler as respostas das vosas compañeiras e publicar, como mínimo, dous comentarios nas súas argumentacións, onde expresedes criticamente a vosa opinión sobre o aspecto do convenio comentado.

As preguntas son as seguintes:

  1. Buscade no convenio as condicións de traballo xerais (horario, salario, xornada e vacacións). Credes que é un bo convenio? Por que?
  2. Existe no convenio algunha medida de conciliación da vida familiar e laboral? Cal é a vosa opinión? Que medidas credes que debería incluír?
  3. Que acontece cando finaliza o período de vixencia do convenio? Aplícase o cambio producido pola reforma laboral?
  4. Que recolle o convenio en relación coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes? Cal é a vosa opinión? Debería incluír algunha cuestión máis?
  5. Mellora o convenio os permisos retribuídos establecidos polo Estatuto dos Traballadores que se viron na unidade da xornada de traballo?
  6. Mellora o convenio as porcentaxes de retribución nos dous anos de duración dun contrato de prácticas? Lembrade que estas porcentaxes se viron na unidade do contrato de traballo.